
Toda a información no canle oficial do CEAX Loterías –> Taboleiro oficial de anuncios virtual NoBo
A Peña Autocross Arteixo xa comeza a vestirse de gala para preparar unha cita moi especial no calendario, tanto para a escudaría organizadora como para os equipos e pilotos que compiten no Campionato de España de Autocross. O 30 CEAX Autocross Arteixo conmemorará o trixésimo aniversario da proba do certame nacional na localidade coruñesa, unha carreira que todo piloto soña con conquistar por tratarse da coñecida como a Catedral do autocross.
Desde 1996, primeiro no Circuíto de Morás e, desde o ano 2000, no Circuíto José Ramón Losada, Arteixo foi unha cita ineludible do calendario nacional. Só a pandemia de 2020 impediu a celebración dunha proba que se converteu nun auténtico referente do campionato.
A evolución do evento foi constante. Se naquela primeira edición participaron 67 pilotos repartidos entre as distintas divisións, na edición de 2025 foron preto de 150 os inscritos que se deron cita no Circuíto José Ramón Losada, con varios competidores que mesmo tiveron que quedar na lista de reserva. Un crecemento que a organización espera repetir neste 2026 para celebrar por todo o alto trinta edicións cheas de emocionantes loitas na pista, finais moi disputadas e unha paixón inquebrantable polo automobilismo.
A pasada tempada, os vencedores foron Sabino García (Citroën DS3 Proto) na División I, Jonathan Vázquez (Peugeot 206 RC/GTI) na División II, Carlos Mallo (Hosek Porsche) na División Buggy, Quim González (Speedcar Wonder) en Carcross, Óscar Fuertes (LifeLive TN11) en Carcross Júnior e Diego García (LifeLive TN11) en Carcross Series. Entre os resultados máis destacados sobresaíron os triunfos de Sabino e Diego García, pai e fillo, na División I e en Carcross Series, respectivamente.
A actividade comezará o xoves 6 de agosto coas verificacións administrativas e técnicas, que continuarán durante a xornada do venres. Ese mesmo día celebraranse tamén os adestramentos oficiais previstos polo regulamento do Campionato de España. Como xa é tradición, o sábado disputarase a maior parte das mangas clasificatorias, na xornada de maior actividade na pista, mentres que as agardadas finais terán lugar ao mediodía do domingo.
Ademais, como antesala da gran cita, a Peña Autocross Arteixo organizará o 1 de agosto unha xornada de adestramentos libres para que os pilotos poidan tomar un primeiro contacto cun Circuíto José Ramón Losada que volverá vestirse de gala para celebrar unha edición moi especial.



















































